O obxectivo deste estudo é analizar o impacto que terá a posta en funcionamento do Porto Exteriorde Punta Langosteira sobre a empregabilidade e as oportunidades de negocio nas empresas relacionadas co porto e o transporte marítimo.
O conxunto de circunstancias baixo as cales o comercio internacional é beneficioso é máis amplo do que a maioría dos axentes económicos sospeitan. As relacións comerciais achegan beneficios para todos, ao lles permitiren aos países exportar bens cuxa produción se realiza cunha relativa intensidade de recursos que son abundantes no país de orixe, mentres que importa aqueles bens cuxa produción require unha intensidade na utilización de factores que son relativamente escasos no devandito país. Tamén favorece a especialización na produción de gamas máis reducidas de produtos, permitíndolles obter maior eficiencia coa produción a grande escala.
Os países participan no tráfico marítimo internacional por dúas razóns básicas:
• A primeira é co fin de estableceren relacións de intercambio por seren beneficiosas para ambas as dúas partes.
• A segunda é co fin de obteren economías de escala na produción.
No mundo real, os patróns do comercio reflicten a interacción destes dous motivos e o concepto esencial do beneficio mutuo é o da vantaxe comparativa. Pero o desenvolvemento do transporte marítimo está intimamente unido ao crecemento da economía mundial. Nas últimas décadas, este sector e a súa loxística son elementos decisivos para a economía dun país, tanto polo volumen das mercadorías transportadas como polo enriquecemento da área de influencia ao xerar novos empregos.
O efecto que teñen os portos sobre as economías rexionais provén do peso do transporte marítimo dentro do tráfico de mercadorías, en particular no que fai referencia ao comercio exterior. Os servizos portuarios constitúen un input intermedio e vital na produción de moitos bens, e o seu desenvolvemento na cadea produtiva dun país xera un importante crecemento. Ademais, nos últimos tempos os portos comerciais foron adquirindo un carácter de plataforma loxística e de distribución máis que de mera infraestrutura do transporte. O feito de que os portos se consolidasen como intermediarios entre o transporte marítimo e o terrestre convérteos en nós loxísticos capaces de lles proporcionaren valor engadido ás mercadorías, outorgándolles un papel clave no desenvolvemento do comercio rexional e, en consecuencia, na evolución da economía na que se asentan.
A este respecto, na misión estratéxica do Porto da Coruña exprésase a intención de “facilitar servizos eficientes, creando oportunidades para a mellora da competitividade dos nosos clientes e impulsando o desenvolvemento económico do contorno dentro dun marco de crecemento sustentable”.
Baixo esta premisa, estanse a levar a cabo as novas instalacións portuarias en Punta
Langosteira, actualmente na súa fase final de desenvolvemento no que respecta á construción e habilitación dos 3.345 metros de dique de abrigo que conformarán a extensa nova dársena de preto de 231 hectáreas.
A Comisión Europea, na súa decisión relativa á concesión dunha axuda do Fondo de Cohesión, estableceu os obxectivos deste proxecto de enxeñaría civil, e entre os máis significativos figuran:
• Afastar da cidade os tráficos portuarios de maior perigosidade e incidencia ambiental.
• Resolver a estratexia de expansión do porto, ante a imposibilidade de continuar aumentando o volume de mercadorías comercializadas debido á súa situación de proximidade con respecto á cidade.
O porto da Coruña ocupa unha posición intermedia respecto ao resto de portos de interese xeral; ademais, nos últimos tempos reduciu o seu nivel de actividade, e na situación actual de crise sufriu unha redución no tráfico de mercadorías. Para o último ano, o tráfico portuario na Coruña alcanzou 11.917,00 miles de toneladas e a súa taxa de variación anual media foi negativa, do -4,5%.
Non obstante, está vantaxosamente posicionado respecto aos tráficos da fachada atlántica e do Cantábrico, tanto desde o punto de vista da localización xeográfica como do volume de negocio atraído cara ás súas radas. É precisamente esta oportunidade empresarial a que se tratará de potenciar coa posta en funcionamento das novas instalacións situadas en Punta Langosteira.
Paralelamente ao desenvolvemento das obras, as empresas que participan directa ou indirectamente na actividade do Porto da Coruña comezaron a avaliar internamente a posible incidencia que estas novas instalacións poderían ter na súa dinámica de demanda de emprego, de formación e de expansión cara a novos mercados.
A importancia dunha infraestrutura destas características para impulsar a área metropolitana fai necesario dispoñer de datos fidedignos que permitan avaliar o seu impacto sobre os diversos sectores produtivos da rexión. O obxectivo fundamental deste traballo é clarificar tres aspectos fundamentais:
• Analizar a estrutura laboral das empresas que actualmente teñen algún tipo de relación comercial co porto da Coruña ou que realizan operacións de importación/exportación na provincia e zonas limítrofes.
• Definir o impacto que as empresas participantes no estudo estiman que terá na súa actividade comercial e loxística a apertura das novas instalacións.
• Cuantificar as necesidades formativas actuais e futuras demandadas polas empresas participantes no estudo para os seus traballadores e traballadoras actuais e potenciais.