jueves, 14 de abril de 2011

Antecedentes

A orixe desta investigación ten as súas raíces no día 17 de decembro de 2009, cando se formaliza o Pacto Local polo Emprego da Cidade da Coruña, a través da subscrición dun Acordo Marco entre o Concello da Coruña e as entidades que integran a Rede Coruña Emprega, entre as que se atopa a Universidade da Coruña, coa finalidade de promover a inserción laboral e a mellora da empregabilidade das demandantes de emprego do municipio, a través da execución do Proxecto Rede Coruña Emprega.

Posteriormente á sinatura deste acordo, o 30 de abril de 2010 a Universidade da Coruña asina un convenio específico de colaboración co Concello da Coruña para o desenvolvemento dun plan de traballo concreto de actuación da UDC no marco do Pacto Local polo Emprego.

Unha das actuacións consideradas neste acordo é a elaboración do “Estudo sobre o impacto do Porto Exterior no emprego da Cidade da Coruña e outras oportunidades de negocio”. Asígnaselle ao Observatorio Ocupacional da UDC a realización desta investigación, coa supervisión do Concello da Coruña a través da dirección do proxecto Rede Coruña Emprega.

O Observatorio Ocupacional da Universidade da Coruña é un servizo que leva en funcionamento desde o ano 2004. A súa misión principal é a análise dos procesos de inserción laboral dos graduados da universidade. Unha das súas tarefas fundamentais é realizar un seguimento das condicións en que se desenvolve a actividade laboral e/ou de formación das persoas tituladas nos anos que seguen á finalización dos seus estudos. Neste sentido, este servizo permanece en constante contacto coa comunidade universitaria, proporcionando informes periódicos sobre a evolución de diversos parámetros extracurriculares, que son, dentro do actual marco normativo definido polo Espazo Europeo de Educación Superior, estimadores eficientes da calidade do ensino que recibiron os universitarios e universitarias de cara á súa integración no mundo laboral.


Dada a responsabilidade que este convenio supuxo para o Observatorio Ocupacional, ao longo da investigación intentouse ir máis alá dun exclusivo cálculo da futura demanda de postos de traballo xerada polas obras de construción e habilitación das infraestruturas portuarias e as súas estruturas anexas: polígonos industriais, vías de comunicación e zonas de servizo, tamén se indagou na incidencia que sobre os modos de produción e distribución presentes nas industrias analizadas terá a posta en funcionamento da nova dársena.