lunes, 18 de abril de 2011

Sector da industria manufactureira

A intermediación neste sector realizouse nos subsectores de fabricación e montaxe de maquinaria e equipo industrial, fabricación e montaxe de estruturas metálicas, carpintaría metálica e construción e reparación de buques, específicamente para os perfís profesionais de soldadura ao arco eléctrico e soldadura mig-mag.

A actual situación de crise económica afectou tanto ás grandes como ás pequenas empresas destes subsectores, aínda que se visibilizou máis nas pequenas, debido á súa dependencia case absoluta das subcontratacións.

A maioría das empresas contactadas tiveron que reducir plantilla, aínda que a previsión para a segunda metade de 2010 é positiva, en canto á apertura de novos procesos de contratación.

Os requisitos profesionais esixidos en soldadura no último ano aumentaron considerablemente. Na actualidade o perfil da persoa contratada é a dun home con idade comprendida entre os 25 e os 45 anos, con experiencia en soldadura Mig-Mag.

Valóranse especialmente os perfis polivalentes que poidan realizar outras tarefas no uso de ferramentas manuais, traballos de pintura, interpretación de planos e coñecementos de calderería ou de montaxe e ensamblaxe de pezas. En moitas ocasións, requirese dispoñibilidade para viaxar fora de Galicia.

Por outra banda, a existencia dunha importante bolsa de persoas desempregadas con moita formación e experiencia nestes subsectores, supón que as menos cualificadas ou as que  adquiriron formación a partir do ano 2009 teñan moitas dificultades para poder insertarse laboralmente, xa que a empresa ten a posibilidade de elixir candidaturas con moita experiencia.

Por último, a intermediación no subsector de fabricación de productos de madeira e mobles realizouse para obter información dos perfís profesionais de montaxe de mobles e de instalación de elementos de carpintaría, que se corresponden con dous novos Certificados de Profesionalidade que sustitúen ao derogado de carpintaría.

Dos contactos con empresas pode extrarse a seguinte información relativa aos perfis máis demandados:

As preferencias céntranse en persoas mozas, preferiblemente homes, ainda que tamén se contratan mulleres.

A empresa soe contratar mozos e mozas sen experiencia antes que maiores con experiencia. Requiren asimesmo que sexan polivalentes, capaces de realizar outras tarefas relacionadas co uso de ferramentas manuais, traballos de pintura de madeira, etc.

Outro aspecto a destacar é a necesidade de contar con vehículo para o desprazamento ao lugar de traballo, xa que a maioría das empresas destes subsectores están ubicadas na periferia da cidade da Coruña ou en concellos limítrofes (Arteixo, Culleredo, Bergondo, Sada).