Análise do proceso de intermediación laboral do Proxecto Rede Coruña Emprega.
O proceso de intermediación laboral é unha parte fundamental dos itinerarios integrados de inserción que se levan a cabo no Proxecto Rede Coruña Emprega. Este proceso é a vía que permite coñecer as necesidades do mercado laboral e poñer en contacto ás pesoas usuarias do proxecto coas ofertas de emprego que realizan as empresas.
O proceso de intermediación realízase “a medida”, en tanto en canto implica o contacto con empresas especializadas nos sectores económicos onde se imparte a formación específica dos itinerarios programados no proxecto.
Os contactos con empresas teñen unha doble finalidade:
a) Permiten realizar a xestión de ofertas de emprego e o envío de candidaturas ás empresas.
b) Permiten xestionar a colaboración do empresariado na realización de prácticas formativas titorizadas como parte fundamental dos itinerarios integrados de inserción.
Ademais, a intermediación laboral cumpre coa importante función de coñecer de primeira man as necesidades das empresas dende o punto de vista dos seus recursos humanos: perfis profesionais que demandan, ocupacións mais solicitadas, tipos de contratos que realizan, necesidades formativas do persoal a contratar, etc.
Mención especial merece a xestión de prácticas profesionais titorizadas en empresas por parte do proxecto, concebidas como un módulo específico e obrigatorio en todos os itinerarios integrados de inserción planificados. A duración destas prácticas oscila entre as 80 e as 120 horas.
As empresas contactadas valoran moi positivamente a posibilidade de asumir estadías de prácticas, o que permite ao alumnado obter os coñecementos que complementan a formación ocupacional realizada. Ao mesmo tempo, serven de vía de acceso á empresa, permitindo ao empresariado coñecer o desempeño real de candidatos e candidatas para incorporar nos seus procesos de selección de persoal.
Do total de empresas dos sectores profesionais onde se realizou a formación específica, un 69,44 % ofrecen a posiblidade de xestionar prácticas nos seus centros de traballo.
Outro dato importante é que casi o 40 % das persoas que finalizan as prácticas formativas titorizadas con éxito son contratadas polas mesmas empresas onde as realizan.
Pódese afirmar que as prácticas formativas que complementan a formación ocupacional son unha ferramenta fundamental como elemento que facilita o acceso ao mercado laboral.