O servizo de axuda a domicilio emprega a un perfil profesional que responde ás seguintes características: muller con idade comprendida entre os 30 e os 45 anos.
Existen moitas dificultades para intermediar con homes, debido a que os requerimentos da clientela das empresa van dirixidos á solicitude exclusiva de mulleres, chegando a rexeitar explicitamente, en case tódolos casos a contratación de homes. Concretamente, dende o proxecto Rede Coruña Emprega só se acadou a contratación dun home neste sector.
Os contratos realizados son inicialmente a tempo parcial, con medias xornadas que van aumentando a súa duración a medida que se vai adquirindo experiencia.
As empresas de axuda a domicilio manifestan que a súa carga de traballo tamén se veu afectada pola actual situación de crise económica e financieira, disminuindo principalmente a demanda de servizos puntuais e de curta duración.
Por regra xeral, as empresas nútrense das candidaturas das súas propias bases de datos, pero moitas veces o aumento na carga de traballo é imprevisible neste sector, o que fai que se valore positivamente contar constantemente con novas candidaturas.
Nos períodos festivos e de verán aumenta a contratación como consecuencia da cobertura de vacacións e baixas laborais.
Os establecementos sanitarios forman un subsector que está demandando persoal con formación especializada.
É preciso facer unha distinción entre os establecementos públicos (ou privados sostidos con fondos públicos) e os establecementos íntegramente privados.
Nos establecementos públicos, a formación que se require é unha formación regrada ou homologada (FP de grado medio de Cuidados Auxiliares de Enfermería) ou ben formación ocupacional impartida pola Xunta de Galicia a través dos seus centros colaboradores (Plan AFD).
Nos establecementos privados non se esixe que a formación estéa homologada oficialmente. Valórase aquela que segue a programación do Certificado de Profesionalidade da Xunta de Galicia (Atención sociosanitaria a persoas dependentes en Institucions sociais), pero contrátase persoal con formación de menor duración e incluso con formación en atención de persoas no domicilio.
Ao igual que no sector de axuda a domicilio, o perfil solicitado é o de muller de entre 30 e 45 anos. O tipo de contrato inicial é temporal de curta duración, xeralmente a media xornada. Os contratos prorróganse e van aumentando a xornada ata chegar ao tempo completo, correlativamente á adquisición de experiencia.
Unha das características que máis se valoran nos procesos selectivos é a capacidade do persoal para ser asertivo e empático coas persoas residentes (anciáns, con discapacidade..), ao tempo que se soe esixir disponibilidade para traballar a turnos e se valora a experiencia previa en postos similares.
Os contratos neste sector están caracterizados por unha alta estacionalidade, derivada da cobertura de vacacións, o que facilita as novas contratacións. O período de vacacións comenza no mes de maio e esténdese ata setembro ou outubro.
Considerando todos os subsectores que compoñen o sector sociosanitario, o número de persoas usuarias do proxecto Rede Coruña Emprega que son contratadas despois da finalización do seu itinerario é de 31 persoas sobre un total de 89 o que supón unha porcentaxe do 34,83 %.