Co fin de coñecer o perfil formativo dos traballadores e traballadoras que as empresas entrevistadas están a buscar, na enquisa incorporouse unha serie de preguntas para dispoñer de información sobre as características do capital humano demandado.
A información dispoñible reflicte que as preferencias pola formación regrada alcanzan un máximo na Educación Básica, cun 21,74% de empresas que exixen este requisito. Non obstante, cando se lles pregunta sobre as habilidades específicas exixidas para o novo persoal, o 82,61% das empresas manifestan que prefiren priorizar esta formación. É dicir, móstranse favorables a módulos formativos concretos que poidan ser impartidos por institucións públicas ou privadas baixo condicións de axuda ou cofinanciamento mediante convenios.
Seguramente, isto é debido a que a maioría de demandantes para cubrir un posto de traballo xa
teñen as súas competencias curriculares minimamente cubertas no momento da proba de aptitude.
Os datos obtidos manifestan ademais unha maior exixencia de formación específica nas empresas de primeira liña portuaria (100%) que nas empresas de segunda liña (73,33%).